17.11.23

Chegamos a 200 000! Nota con retraso

    Adxuntmos a nota d eprensa de inais do mes pasado coa nova de 200 000 artigos publicados: 

A3GAL

ASOCIACIÓN DE AMIGAS E AMIGOS DA GALIPEDIA E DO COÑECEMENTO LIBRE


Galicia, 28 de outubro de 2023

Nota de de prensa


A Galipedia chega aos 200 000 artigos


A Galipedia está de celebración. O pasado día 27 de outubro a versión en galego da famosa enciclopedia en internet Wikipedia chegou aos 200 000 artigos no ano do seu 20º aniversario, cun artigo relacionado coa diversidade biolóxica.


Con todo, a Galipedia é moito máis que un bo número de artigos que abranguen todas as áreas de coñecemento, dende as ciencias ou as artes ata a xeografía, a historia ou os deportes, exercendo un importante papel a prol da normalización do galego que foi recoñecido co Premio Xoán Manuel Pintos da cidade de Pontevedra ou o Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido pola Deputación da Coruña. Dende hai anos a Galipedia fixo unha aposta clara pola calidade, froito da cal creáronse máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade) e máis de 100 artigos bos, moitos deles creados dentro do propio proxecto e outros moitos traducidos doutras linguas. A comunidade da Galipedia traballa constantemente na mellora dos distintos artigos corrixindo a súa ortografía ou actualizándoos, entre outros traballos, ademais estase a traballar na aplicación dunha ferramenta que actualice de xeito automático algúns datos dos artigos como a poboación das cidades ou países de todo o mundo.


Aínda que a Galipedia trata temas universais, a presenza de Galicia no proxecto é fundamental, poñendo en valor personalidades, festas, tradicións, lugares... da nosa terra. Especial importancia tivo nestes anos o traballo realizado por numerosas persoas do proxecto para ilustrar os artigos de todas as parroquias de Galicia, tendo cubertas xa todas as parroquias das provincias de Pontevedra e da Coruña, e boa parte das de Lugo. A través da conta de Instagram de wikipedia_en_galego tamén se conseguiu ilustrar unha boa cantidade de artigos biográficos, e presenta curiosidades, imaxes destacadas, temas de actualidade que se tratan na enciclopedia, entre outras moitas cousas.


Por suposto, un dos obxectivos da Galipedia é a loita contra a fenda de xénero, tentando reducila mediante a creación de biografías de mulleres e temas relacionados como o deporte feminino, se ben o camiño que queda por percorrer é aínda longo.


A día de hoxe, e a pesar da celebración desta cifra, a Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade, comezar a editar é moi sinxelo e sempre haberá algunha persoa con experiencia para axudar a quen se decida a comezar.

Etiquetas: