17.11.23

Chegamos a 200 000! Nota con retraso

    Adxuntmos a nota d eprensa de inais do mes pasado coa nova de 200 000 artigos publicados: 

A3GAL

ASOCIACIÓN DE AMIGAS E AMIGOS DA GALIPEDIA E DO COÑECEMENTO LIBRE


Galicia, 28 de outubro de 2023

Nota de de prensa


A Galipedia chega aos 200 000 artigos


A Galipedia está de celebración. O pasado día 27 de outubro a versión en galego da famosa enciclopedia en internet Wikipedia chegou aos 200 000 artigos no ano do seu 20º aniversario, cun artigo relacionado coa diversidade biolóxica.


Con todo, a Galipedia é moito máis que un bo número de artigos que abranguen todas as áreas de coñecemento, dende as ciencias ou as artes ata a xeografía, a historia ou os deportes, exercendo un importante papel a prol da normalización do galego que foi recoñecido co Premio Xoán Manuel Pintos da cidade de Pontevedra ou o Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido pola Deputación da Coruña. Dende hai anos a Galipedia fixo unha aposta clara pola calidade, froito da cal creáronse máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade) e máis de 100 artigos bos, moitos deles creados dentro do propio proxecto e outros moitos traducidos doutras linguas. A comunidade da Galipedia traballa constantemente na mellora dos distintos artigos corrixindo a súa ortografía ou actualizándoos, entre outros traballos, ademais estase a traballar na aplicación dunha ferramenta que actualice de xeito automático algúns datos dos artigos como a poboación das cidades ou países de todo o mundo.


Aínda que a Galipedia trata temas universais, a presenza de Galicia no proxecto é fundamental, poñendo en valor personalidades, festas, tradicións, lugares... da nosa terra. Especial importancia tivo nestes anos o traballo realizado por numerosas persoas do proxecto para ilustrar os artigos de todas as parroquias de Galicia, tendo cubertas xa todas as parroquias das provincias de Pontevedra e da Coruña, e boa parte das de Lugo. A través da conta de Instagram de wikipedia_en_galego tamén se conseguiu ilustrar unha boa cantidade de artigos biográficos, e presenta curiosidades, imaxes destacadas, temas de actualidade que se tratan na enciclopedia, entre outras moitas cousas.


Por suposto, un dos obxectivos da Galipedia é a loita contra a fenda de xénero, tentando reducila mediante a creación de biografías de mulleres e temas relacionados como o deporte feminino, se ben o camiño que queda por percorrer é aínda longo.


A día de hoxe, e a pesar da celebración desta cifra, a Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade, comezar a editar é moi sinxelo e sempre haberá algunha persoa con experiencia para axudar a quen se decida a comezar.

Etiquetas:

9.12.06

Os 20.000 artigos nos medios (II)


Technorati:

7.12.06

Os 20.000 artigos nos medios (I)

6.12.06

Enciclopedia aberta a todos

A Galipedia é unha enciclopedia aberta a todos os que o desexen, dende os expertos até a xente de a pé.

Todos podemos colaborar para mellorar este ambicioso proxecto. O enxeñeiro forestal pode ampliar información na categoría de botánica, o licenciado en Historia aportando o coñecemento no seu campo... Pero non só os expertos poden colaborar, ti tamén podes. Se non cres que teñas coñecementos dabondo sobre un tema como para colaborares tranquilo, podes colaborar de mil xeitos:
- Podes sacar fotografías da túa aldea/parroquia/pobo/cidade para subilas á Galipedia.
- Gustouche o último filme que viches? Fai un artigo sobre el! E o último libro que liches? Pois xa sabes. E o último disco que escoitaches? Veña!
- Eres fan dalgún escritor, actor de cine, grupo de música, equipo de fútbol...? Amplía a información sobre el.

Hai moitas máis formas de colaborar, anímate.

Profundidade

Por certo que estes 20.000 artigos é unha cifra pra estarmos contentos. Na lista das linguas mundiais somos a 35ª, por diante doutras coma o grego, o tai, o vasco e o vietnamita, ou case igualados co árabe. Anotaría porén dous datos que, se ben non son preocupantes, axudarían a mellorar a calidade da nosa galipedia:
• Somos unha wikipedia con pouca profundidade, é dicir, os nosos artigos edítanse poucas veces dende que se crean. Temos un nivel de 11, o dinamarqués 24, o catalán 14, o portugués 36 e o inglés, claro, 212. Cantas máis veces editemos os mesmos artigos, e cantas máis persoas os editen, máis e mellor complexidade terá a galipedia.
• En relación co anterior. 20.000 personaxes, lugares, asteroides, ou grupos de música teñen o seu artigo, e iso é fantástico, pero faltan (temos que facelos, tes que facelo ti tamén) artigos máis relacionantes, artigos que poidan servir de camiño de navegación, artigos sobre conceptos, sobre épocas, sobre estilos. Son os máis complexos?? abofé. Pero era só pra falar de retos (parabéns!!)

5.12.06

20.000 artigos na Galipedia, a Wikipedia en galego

A enciclopedia colaborativa galega feita por ducias de galegos de todo o mundo duplica o seu tamaño en só un ano.

Galipedia, 6 de decembro de 2006

En apenas un ano a Galipedia duplicou o seu tamaño. Galegos de todo o mundo uniron os seus esforzos para chegar ós 20.000 artigos actuais. Son poucos en comparación co millón e medio da Wikipedia en inglés, non obstante son resultado dun esforzo moito maior. A Wikipedia en galego é dese tipo de proxectos que sen facer ruído van creando o substrato dunha iniciativa moito máis fonda. Persoas con distintas opinións, ideoloxías, crenzas na procura dun obxectivo común. Habituados a certo individualismo, pode sorprender que unha chea de persoas dediquen o seu tempo a contribuír nun mesmo proxecto coa única recompensa de construír unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa en galego. (continúa en...)